segunda-feira, 3 de outubro de 2011

PURGA, DE SOFI OKSANEN

Sofi Oksanen- Foto de Teemu Rajala
Sofi Oksanen é unha escritora finlandesa de 34 anos, de crecente notoriedade no seu país, que acadou o éxito internacional coa súa novela Purga, un texto dramático na súa orixe, que se converteu nun fito literario en toda Europa e, posíbelmente, na máis cobizada das novelas na pasada edición da Feira do Libro de Frankfurt. Por fortuna, os lectores galegos temos a sorte de contar coa Editorial Rinoceronte, un deses proxectos marabillosos que nacen da vocación e da paixón de persoas entusiastas, e que neste caso resiste ao terríbel desmantelamento que, de toda canta infraestutura cultural existe en galego, está a ter lugar en 2011. Xa que logo, os lectores galegos temos a oportunidade de ler Purga na nosa língua grazas a boa tradución de Tuula Ahola, e de trasladármonos cara unha aldea no oeste de Estonia en 1992, pouco despois da independencia da antiga Unión Soviética, para coñecer a historia que se nos vai debullando a partir do encontro aparentemente fortuíto entre a vella Aliide Truu e a noviña Zara, unha rapariga rusa duns vinte anos que aparece á noite, tremendo de frío e pánico, no quinteiro da vella. A primeira parte da novela trasloce o forte recendo da proposta dramática que está na orixe do texto: dúas mulleres que se atopan, dúas mulleres que desconfían a unha da outra, dúas mulleres das que pouco a pouco vamos coñecendo un pasado traumático que marcou as súas vidas. E é esta primeira parte a que condensa o maior mérito de Purga: a capacidade de ir desenvolvendo aos poucos e entre catro paredes, baixo o abafante cheiro dunha chea de botes de verduras en conserva e o murmuriar  dunha radio sempre acesa, unha formidábel explicación dun país, Estonia, mais tamén de boa parte de Europa, ao longo de practicamente cen anos da súa historia.

Pouco a pouco a novela vai dando inopinadamente saltos no tempo e no espazo para coñecérmonos algo máis da historia das dúas protagonistas e doutros personaxes que van aparecendo conforme avanza o relato. E unha idea xeral paira sempre sobre a tráxica historia persoal dos protagonistas, e é que as vidas da xente están marcadas polos acontecementos que determinan o devir dos pobos, mais tamén polas decisións persoais que toma cadaquén na súa relación coas estruturas de poder que dominan cada lugar e cada momento determinado. Polo tanto Purga, intelixente título da novela, é unha historia máis ben pesimista, por canto as estruturas de poder non deixan de ser abafantes sempre para as persoas independentemente das circunstancias históricas, e porque apenas existen os heroes, senón persoas que procuran sobrevivir con maior ou menor dignidade inda que non sempre sexan capaces de tomar a decisión correcta. Neste sentido, a novela resulta desagradábel por veces. O personaxe de Aliide Truu, verdadeira protagonista de Purga, produce un rexeitamento progresivo por parte do lector, se ben a autora sempre parece gardarlle unha pequena coartada, o medo ou a desesperación, ao seu comportamento aparentemente miserento e acaba por lle conceder a pequena oportunidade de purgar os estropicios causados no pasado. Mais é tamén Aliide Truu a gran protagonista da novela e a que lle concede unha dimensión notábel e universal, a da ambigüidade moral, o medo mais tamén a fascinación polo poder. E é que cantas tenras avoas galegas non terán un pasado equiparábel ao de Aliide Truu?

Sem comentários:

Enviar um comentário